Saturday 04 de May de 2024

Educación reclama a figura do especialista en Audición e Linguaxe en sete centros da cidade


 

Despois de manter conversas cos responsables dos colexios, o concelleiro Jesús Celemín confía en que Xunta cubra este posto para darlle o tratamento específico aos alumnos con dificultades nos terreos da dicción e da expresión

A concellería de Educación confía en que a administración autonómica incorpore a figura do especialista en Audición e Linguaxe (AL) en sete colexios da cidade que actualmente non contan con ela como son o CEIP Rosalía de Castro, que comparte profesional co Xosé Cornide; o CEIP Labaca, o CEIP San Pedro de Visma, o CEIP Prácticas, o CEIP Emilia Pardo Bazán e o CEIP Alborada. Desde o Concello entenden necesaria a presenza dunha experta ou experto en educar o alumnado con necesidades específicas nos terreos da dicción e da expresión.

O edil Jesús Celemín explica que a Xunta lles contestou que cubrirían o posto con mestres de pedagoxía terapéutica, pero cre que se trata de reforzos distintos e que os estudantes con dificultades na linguaxe deben contar con persoas especializadas na materia. O concelleiro conversou estes días cos responsables dos centros afectados e ten pensado facelo coas asociacións de pais e nais en caso de que non se solucione o problema: “Son persoas vulnerables e non podemos deixalos sen as atencións que precisan”, sinalou.